Día 1. Moitas preguntas

Tras unha derrota coma a de onte un queda fodido, lóxicamente, e tamén con dúbidas ás que non lle atopei, aínda, unha resposta razoable.

Recordo ter a sensación de “xa a cagamos” cando lin os primeiro chíos que falaban da non convocatoria de Emre. E penso que, a maioría, somos conscientes de que esa xa foi a primeira pedra da vergoña de onte. É dicir, renunciar ao teu mellor xogador, o de máis calidade, ante un dos partidos máis importantes pra a afección, non semella un movemento intelixente. O equipo careceu completamente de creatividade no ataque, de alguén que lle dera pausa e criterio ao xogo ofensivo, ese era o turco, e estaba no palco. Só creamos perigo coas faltas laterais e saques dende o curruncho, o que xa fala do fútbol proposto. Realmente non hai xogadores pra xogar, ou polo menos intentar, xogar ao fútbol algo mellor diante dun equipo que non ten o nivel de xogadores dos tres grandes? Eu quedei ca sensación de que saímos a non perder, e xa se sabe o que pasa cando saes a non perder, que moi poucas veces cumpres o obxectivo.

Na rolda de prensa ao final do encontro, Gaizka falou de que a baixa de Emre foi unha decisión técnica, xa que él tiña outra proposta pra encarar o partido. O plan consistía en querer gañar ao conxunto vigués en xogadas a balón parado de certo perigo, cos balóns aéreos, coma a que deu orixe ao gol de Albentosa. Nesta mesma rolda de prensa, o míster dixo que os xogadores ofensivos rivais, eran moi superiores aos nosos, e que iso era unha realidade. Isto xa case me recordou a Víctor Fernández, que dicía aquilo de “no son de nuestra liga”.

Dende a miña humilde opinión, é un erro darlle a equipos que queren xogar cun estilo semellante ao do Barcelona, o tratamento que lle das ao Barcelona. Non se pode xogar igual contra o Barça, que contra equipos que propoñen algo similar, pero non teñen xogadores dese nivel. É dicir, nós temos os xogadores ata os que podemos aspirar, e o tema é que, salvo polo caso de dous ou tres xogadores, non había maior diferencia co equipo rival. No caso do Barça, Madrid ou Atleti, os once que tes enfronte, e máis case todos os do banco, son mellores ca os nosos titulares. O caso é que Gaizka no Eibar e no Valladolid xa propoñía o mesmo estilo de xogo, e quen o trouxo xa o sabía.

Por outra banda, este partido deixou dous xogadores sinalados polo seu rendemento. Lux e Navarro. O primeiro sae case a gol por tiro a porta, e o segundo, por desgraza, xa semella que a Primeira lle queda grande en canto a ritmo. Entraban pola súa banda como quixeron durante todo o partido. Teño claro que apostaría por Luisinho, o que non sei é se Tyton mellora a Lux, cousa que sí vexo no troco anterior. Veremos.

Outra sensación que se ven repetindo durante moitos partidos, é a da que Mosquera non é o Mosquera da primeira volta do ano pasado. O problema é que isto xa se ven dicindo case dende aquela. Non sei se é polo motivo de que Borges ten máis chegada ofensiva, e que Álex é máis sacrificado en defensa, ata o punto de que case semellaba o terceiro defensa central. Isto liberaba a Pedro de moitas tarefas defensivas, e tiña máis capacidade de creación. Penso que, coma todo-los anos, máis tarde ou máis cedo, volverá a xogar o loiro da Sagrada. Que non é o mellor do equipo nin moito menos, pero cando xoga, cumpre.

 

A aposta pola canteira

Óscar_García_Pinchi_DéporImaxe – La Voz de Galicia

@VillaverdeRCD

Levo varios días pensando no artigo co que estrear o blog, e cheguéi á conclusión de que coma nun equipo de fútbol, a canteira ten que ser a primeira pedra dun proxecto deportivo, polo que non había mellor tema co que debutar

A estas alturas, xa sabedes que o Fabril (Dépor B) caeu eliminado diante do Navalcarnero, e con iso dixo adeus ás opcións de ascender á Segunda B, outro ano máis. Xa son varias as tempadas que os rapaces de Manu Mosquera loitan por regresar á categoría de bronce do fútbol español, e esta tempada houbo un cambio de modelo, a aposta por xente non formada en Abegondo, co especial protagonismo dos fichados na canteira catalana (Damm e Barça) e tamén de Portugal.

Dos “Made in Abegondo“, hai dous rapaces que destacan sobre o resto, e nos que eu persoalmente teño moitas expectativas postas. Un deles é Óscar García, máis coñecido coma “Pinchi“, e o central de máis de nivel dende Pablo Insua, Róber Suárez. Agora o dilema da afeccionada e afeccionado, e por suposto da dirección deportiva, é o que vai pasar neste verán con estes dous rapaces. Eu agardo que fagan os adestramentos e participen nos encontros co primeiro equipo no verán, polo menos, e teñamos a oportunidade de ver a Lucas e Pinchi xuntos, se é que o de Monelos segue no equipo nesa altura.

O debate está claro, deben formar parte do primeiro equipo, ou polo contrario, ter unha saída a un Segunda B ou Liga Adelante? Hai moitas formas de velo, a máis común sería cesión, posto que sería moi difícil que poidan ter os minutos que precisan nunha plantilla ampla, e o importante é ter minutos a estas idades, esencial pra medrar na súa formación.

Existe a posibilidade de que formen parte do primeiro equipo, se a plantilla é curta, e lle dan oportunidades, aínda que é a opción menos probable, máis isto é o que fixo o Málaga con Pablo Fornalls, o Sporting con Jorge Meré ou Carlos Castro, ou máis preto de nós, o Celta hai tempo con Santi Mina ou Jonny. Quizais na aposta do Sporting tamén inflúe a situación económica do club asturiano, acosado polas débedas e a abafante presión da LFP, pero o certo é que apostaron por eles e eso ninguén o pode negar.

Non se pode negar o inxusto que é pra a xente da canteira ter que saír, pra fichar a xente coma Manu Fernández e Jonás, que tiveron unha nula contribución ou incluso negativa nalgún caso, no do Arxentino, moi posiblemente privou a Cardoso da súa oportunidade. Tamén están os xogadores cos que non se conta, coma Lopo e Luisinho. O ideal sería contar cun máximo de 20 xogadores, e dar oportunidades á xente da canteira.

Hai unhas semanas lin unha intervención do noso presidente, Tino Fernández , “A mí me gustaría parecerme al Athletic de Bilbao” dixo. Coido que pra parecerse a ese equipo, un gran exemplo, tan só hai que ver cal é o seu maior tesouro e como o traballan, Lezama, e o noso debe e ten que ser facer medrar Abegondo, coa xente axeitada ao cargo da canteira e coa firma de máis convenios, ademáis de en Galicia, tamén na nosa área de influencia pra traer rapaces de, Asturias (parte occidental), o Bierzo e o norte de Portugal.

Se as cousas se fan ben, sería un proxecto moi ilusionante, pero pra facer isto ou algo semellante, hai que dar as oportunidades no primeiro equipo, sen iso, todo o que se fale ou escriba sobre a canteira, é unha simple utopía.

  • “Un equipo de fútbol é coma un piano. Precisas de oito persoas que o movan, e tres que poidan tocar o maldito instrumento”.

Bill Shankly,histórico ex-adestrador do Liverpool.