Día 1. Moitas preguntas

Tras unha derrota coma a de onte un queda fodido, lóxicamente, e tamén con dúbidas ás que non lle atopei, aínda, unha resposta razoable.

Recordo ter a sensación de “xa a cagamos” cando lin os primeiro chíos que falaban da non convocatoria de Emre. E penso que, a maioría, somos conscientes de que esa xa foi a primeira pedra da vergoña de onte. É dicir, renunciar ao teu mellor xogador, o de máis calidade, ante un dos partidos máis importantes pra a afección, non semella un movemento intelixente. O equipo careceu completamente de creatividade no ataque, de alguén que lle dera pausa e criterio ao xogo ofensivo, ese era o turco, e estaba no palco. Só creamos perigo coas faltas laterais e saques dende o curruncho, o que xa fala do fútbol proposto. Realmente non hai xogadores pra xogar, ou polo menos intentar, xogar ao fútbol algo mellor diante dun equipo que non ten o nivel de xogadores dos tres grandes? Eu quedei ca sensación de que saímos a non perder, e xa se sabe o que pasa cando saes a non perder, que moi poucas veces cumpres o obxectivo.

Na rolda de prensa ao final do encontro, Gaizka falou de que a baixa de Emre foi unha decisión técnica, xa que él tiña outra proposta pra encarar o partido. O plan consistía en querer gañar ao conxunto vigués en xogadas a balón parado de certo perigo, cos balóns aéreos, coma a que deu orixe ao gol de Albentosa. Nesta mesma rolda de prensa, o míster dixo que os xogadores ofensivos rivais, eran moi superiores aos nosos, e que iso era unha realidade. Isto xa case me recordou a Víctor Fernández, que dicía aquilo de “no son de nuestra liga”.

Dende a miña humilde opinión, é un erro darlle a equipos que queren xogar cun estilo semellante ao do Barcelona, o tratamento que lle das ao Barcelona. Non se pode xogar igual contra o Barça, que contra equipos que propoñen algo similar, pero non teñen xogadores dese nivel. É dicir, nós temos os xogadores ata os que podemos aspirar, e o tema é que, salvo polo caso de dous ou tres xogadores, non había maior diferencia co equipo rival. No caso do Barça, Madrid ou Atleti, os once que tes enfronte, e máis case todos os do banco, son mellores ca os nosos titulares. O caso é que Gaizka no Eibar e no Valladolid xa propoñía o mesmo estilo de xogo, e quen o trouxo xa o sabía.

Por outra banda, este partido deixou dous xogadores sinalados polo seu rendemento. Lux e Navarro. O primeiro sae case a gol por tiro a porta, e o segundo, por desgraza, xa semella que a Primeira lle queda grande en canto a ritmo. Entraban pola súa banda como quixeron durante todo o partido. Teño claro que apostaría por Luisinho, o que non sei é se Tyton mellora a Lux, cousa que sí vexo no troco anterior. Veremos.

Outra sensación que se ven repetindo durante moitos partidos, é a da que Mosquera non é o Mosquera da primeira volta do ano pasado. O problema é que isto xa se ven dicindo case dende aquela. Non sei se é polo motivo de que Borges ten máis chegada ofensiva, e que Álex é máis sacrificado en defensa, ata o punto de que case semellaba o terceiro defensa central. Isto liberaba a Pedro de moitas tarefas defensivas, e tiña máis capacidade de creación. Penso que, coma todo-los anos, máis tarde ou máis cedo, volverá a xogar o loiro da Sagrada. Que non é o mellor do equipo nin moito menos, pero cando xoga, cumpre.

 

Advertisements